Apoio a outras iniciativas
A liña do galego é un servizo gratuíto ofrecido pola asociación A Mesa pola Normalización Lingüística e financiado no 80% pola área de Lingua da Deputación da Coruña a través dun convenio nominativo. Este servizo, dirixido a toda a poboación, tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego a través dunha app para o móbil (dispoñible en Google Play).
Correlingua é unha iniciativa de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que desde 2001 convida a mocidade, alumnado e centros de ensino de diferentes niveis a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego. O programa esténdese ao longo de todo o ano con actividades que teñen por obxecto traballar sobre a lingua e contribuír á sensibilización co idioma, dándolle protagonismo ao alumnado na preparación de contidos. A área de Lingua da Deputación da Coruña participa da iniciativa co financiamento do 55% do orzamento a través dun convenio nominativo.
O multipremiado proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade Aquí tamén se fala, promovido polo IES Rafael Dieste da Coruña, impulsa o Festival Aquí tamén se fala no que a área de Lingua da Deputación da Coruña participou en 2025 coa achega económica de 18.000 €.
O Regueibertso é un programa da Deputación da Coruña e o proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL de Regueifa, que consiste nun intercambio entre regueifeiras galegas e bertsolaris do País Vasco para pór en valor a improvisación oral, a lingua propia e a diversidade cultural e lingüística.
Youtubeiras+ é unha iniciativa para a promoción do talento en galego nas redes que xorde no ano 2015 coa vontade de promover e impulsar o uso do idioma e a creación de contidos en lingua galega na rede.
A Deputación da Coruña colabora, xunto con outras entidades públicas como os concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, e mais as tres universidades públicas galegas.
Os obxectivos fundamentais deste proxecto son:
- Incentivar a creación de contidos en galego nas diferentes redes sociais, con novas temáticas e novos perfís de persoas creadoras.
- Promover referentes da creación de contidos en galego entre a sociedade galega e mostrar a potencialidade da nosa lingua na Internet.
- Fomentar o consumo de contidos en galego a través da rede.
- Incrementar os públicos para lograr unha comunidade cada vez máis ampla e diversa, que poida ter de referencia os contidos en galego das redes sociais.
- Consolidar e facer medrar a comunidade de persoas vinculadas ao proxecto.
