Exposición Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) foi o escritor homenaxeado do Día das Letras Galegas do ano 2020. Representa unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX pola súa contribución ao estudo da literatura galega, por ser o primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o noso idioma.
A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña programou diferentes actividades para celebrar a figura de Carvalho Calero, mais algunhas delas foron adiadas pola situación da alarma sanitaria provocada pola covid-19. Porén, esta exposición sobre a súa vida e obra puido viaxar ese ano por varias localidades coruñesas e agora está ao dispor das entidades cuxo enderezo social estea na provincia da Coruña que envíen esta solicitude a través da sede electrónica desta entidade dirixida á Sección de Normalización Lingüística.
