Apróbase cun amplo apoio sindical a VPT e a RPT que a fai realidade
CCOO saúda o cambio de actitude dos outros sindicatos que permitiu acadar un consenso que pon fin a meses de espera supoñendo un grande beneficio para a maioría dos traballadores e traballadoras da Deputación
A mesa xeral de negociación celebrada hoxe, 6 de xuño de 2018, ven a corroborar o acontecido na última Comisión de Valoración de Postos de Traballo que se desenvolveu o pasado 27 de xuño e constitúe un fito histórico en canto a políticas de persoal.
Apróbanse cun amplo apoio sindical a Valoración de Postos de Traballo (VPT) e a Relación de Postos de Traballo (RPT) que a fai realidade. Os presupostos xerais do Estado entraron en vigor o xoves 5 de xullo, logo de publicarse no Boletín Oficial do Estado o pasado mércores. Así pois, un día despois da súa entrada en vigor, desenvolveuse a mesa xeral de negociación da Deputación da Coruña, que tivo que ser convocada coa debida antelación. Na devandita mesa aprobouse coa abstención de CSIF e os votos favorables de CIG, UGT e CCOO, tanto a VPT como a RPT. Cumprindo así a Corporación o seu compromiso de executar a VPT unha vez aprobados os presupostos xerais do Estado, para sometela a aprobación no pleno de xullo. A VPT final sufre leves modificacións sobre a aprobada o pasado mes de novembro, debido á incorporación dalgunhas das alegacións presentadas polo persoal e á modificación de criterios de ponderación e número de grados nalgúns dos factores que compoñen a VPT para atender tanto a demandas sindicais como a suxestións dos servizos técnicos.
Neste sentido, CCOO saúda o cambio de actitude dos outros sindicatos que permitiu acadar un consenso que pon fin a meses de espera supoñendo un grande beneficio para a maioría dos traballadores e traballadoras da Deputación. Todos os axentes que participamos nestas duras negociacións temos que felicitarnos por acadar este ansiado acordo que foi froito da responsabilidade de todos e cada un dos participantes que soubemos ceder en parte das nosas pretensións para poder chegar a un resultado, que sen satisfacer plenamente a ninguén, cubre unha importante parte das expectativas do cadro de persoal. Queremos agradecer tamén o compromiso do goberno provincial e o arduo traballo técnico de Recursos Humanos.
O resultado final da valoración, tal e como pulaba CCOO, supón unha mellora en relación ao aprobado en novembro, para os postos de subalterno, auxiliar administrativo, administrativo ou técnicos base, así como para aqueles que saían desfavorecidos. Obviamente isto non é un éxito exclusivo de CCOO, senón que é compartido cos outros sindicatos que apoiaron a proposta da Corporación e que participaron no proceso de negociación. Mais sentímonos satisfeitos de que a nosa proposta se vexa reflectida, en parte, no resultado final da VPT.
Extracto do comunicado de CCOO emitido o 25 de xaneiro de 2018
CCOO propón utilizar o remanente do importe achegado pola Corporación para valorar como se merecen os postos base e mellorar a situación dos que perden. Con bo criterio a Corporación reservou unha parte do 1.250.000€ achegado á VPT para resolver posibles eivas, neste sentido consideramos que debe reducirse a brecha salarial e que postos como Subalterno, Auxiliar Administrativo, Administrativo ou Técnico base, así como os postos que perden, deben recibir mellor valoración, en coherencia coa nosa proposta. Precisamente nesta liña de actuación levamos traballando os últimos meses.
