Estás en:Servizos Sociais Área de Igualdade Proxectos Programa socioeducativo "Suprime o control"

Programa socioeducativo "Suprime o control"

O PROGRAMA SUPRIME O CONTROL, organizado pola Deputación da Coruña,  está dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO e desenvolverase ao longo dos cursos escolares 2016-2017 / 2017-2018 / 2018-2019.

Para este curso 2016-2017 o programa impartirase nas comarcas  de Arzúa, Bergantiños, Ordes, Santiago e O Sar, realizando actividades de prevención e sensibilización en 14 centros educativos.

Neste programa traballarase pola promoción da igualdade de xénero entre a poboación adolescente. Tendo en conta o papel protagonista que os medios de comunicación audiovisuais, as redes sociais e as novas tecnoloxías en xeral ocupan na socialización de mozos e mozas, neste programa aproveitaremos as oportunidades didácticas e lúdicas que ofrecen. Así, buscaremos espertar certa actitude de crítica cara as mensaxes que transmiten, e fomentaremos o seu emprego responsable. Deste xeito, abordaranse as novas formas de control exercidas a través das novas tecnoloxías e a importancia da responsabilidade individual no seu uso, así como a detección e identificación das formas de violencia máis simbólicas e invisibles.

Xa está dispoñible o portal Web do programa: www.suprimeocontrol.com.

OBXECTIVOS DO PROGRAMA

  • Favorecer no alumnado a construción dunha identidade non sexista e non violenta, promovendo a adquisición de recursos persoais que fomenten as relacións igualitarias.
  • Traballar a prevención e a identificación da violencia de xénero especialmente aquela de baixa intensidade.
  • Facilitar a desmitificación do amor romántico, establecendo os límites entre o aceptable e o non aceptable.
  • Educar en valores como a igualdade, o respecto, a convivencia, etc., que lle permita á poboación adolescente a ser conscientes do seu proceso de desenvolvemento e construción persoal libres de estereotipos de xénero, como medida para previr actitudes sexistas que fomenten ou perpetúen a violencia de xénero.
  • Educar en intelixencia emocional e social, establecendo relacións baseadas na empatía e no diálogo, a negociación, a cooperación e resolución de conflitos de xeito construtivo, capacidade de iniciativa e pensamento crítico.

Como PRINCIPIOS METODOLÓXICOS do programa socioeducativo, destacan:

  • A participación activa do alumnado será un elemento imprescindible do desenvolvemento dos obradoiros, facilitando así o seu pensamento crítico e creativo.
  • Fomentarase unha actitude crítica fronte ás numerosas mensaxes estereotipadas que reciben do entorno, e que modelan ao proceso de socialización. Potenciarase a análise e a reflexión sobre a realidade más inmediata do alumnado, e sobre os produtos culturais que lles resultan familiares.
  • Buscarase unha aprendizaxe baseada na observación participante, fundamentada no modelo próximo ofrecido polo educador ou educadora, que actuará como estímulo para os pensamentos, actitudes e condutas do grupo.
  • Traballarase cun modelo de aprendizaxe non directivo, isto é, nalgunhas actividades será o propio alumnado que terá, cos seus propios medios, que desenvolver a actividade.
  • Aplicaranse dinámicas de grupo (xogo de roles, a chuvia de ideas, etc.), dinámicas que se caracterizan por propiciar experiencias a través dun xogo estruturado e ben dirixido, creando un ambiente axeitado no que se actúa cunha maior espontaneidade. Por outra banda, constitúen unha invitación á reflexión sobre a propia práctica, á mirada dende outra perspectiva, ofrecendo oportunidades para a produción de cambios de actitudes e de comportamento

INVESTIGACIÓN PRELIMINAR.

Trátase dunha pequena investigación que axudará a definir o contexto co que se vai a traballar. Así, para un axeitado desenvolvemento das actividades educativas, considerase fundamental ter un coñecemento profundo sobre as ideas previas sobre violencia de xénero, valores e actitudes da poboación adolescente coa que se traballará, co obxectivo de adaptar ao máximo os contidos das sesións. Para isto, aplicarase un sinxelo cuestionario en formato online dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, no que se medirá os seus coñecementos previos á realización das actividades socioeducativas, así como percepcións e actitudes ante a problemática da violencia de xénero. As conclusións extraídas da análise deste cuestionario permitirán mellorar a orientación das actividades socioeducativas deseñadas, presentes e futuras, e serán en si mesmas unha imaxe clara sobre a que deseñar políticas educativas no ámbito da igualdade e prevención da violencia de xénero.

O cuestionario online será facilitado aos centros antes do comezo das actividades.

PROGRAMA SOCIOEDUCATIVO

Contemplase a impartición dun obradoiro de tres sesión de traballo para cada aula de 3º e 4º dunha duración aproximada de 50 minutos por sesión. Impartirase unha sesión por trimestre.

Programa que está organizado en 5 eixes temáticos:

  • EIXE 1. A socialización e a creación dunha identidade non sexista.
  • EIXE 2. Intelixencia emocional e habilidades sociais.
  • EIXE 3. Identificación e prevención da violencia de xénero.
  • EIXE 4. A desmitificación do amor romántico.
  • EIXE 5. A educación en valores.

 

3º ESO

  • Identidade non sexista (1 sesión)
  • Intelixencia emocional (1 sesión)
  • Identificación da violencia de xénero (1 sesión)

4º ESO

  • Educación en valores (1 sesión)
  • Identificación da violencia de xénero (1 sesión)
  • Desmitificación do amor romántico (1 sesión

 

CONCURSOS 

(actividades paralelas ao desenvolvemento do programa socioeducativo):

  • Concurso en conmemoración do 25 de novembro: “Instagram sen machismo”.  

Este concurso trasladará a unha das redes sociais máis populares entre a poboación adolescente, Instagram, as conversas sobre violencias machistas dinamizadas nas aulas. Para isto, dende o perfil do programa en Instagram publicaranse con frecuencia imaxes e frases relacionadas cos temas abordados, convidando á mocidade á facer achegas e solicitando respostas á preguntas do estilo de:

Que lle dirías a un/unha amig@ que estivera a contarche algo parecido?.

As súas achegas recompilaranse nun arquivo de frases seleccionadas das que se premiarán aquelas que destaquen pola súa comprensión das violencias machistas, o seu carácter asertivo e a creatividade e orixinalidade na escrita.

Entre todas as achegas, O equipo técnico, xunto coa Deputación da Coruña, escollerá as 3 MELLORES achegas que destaquen pola súa comprensión da problemática da violencia de xénero, a empatía coa situación de maltrato e o seu carácter asertivo, así como unha correcta formulación e redacción. Os agasallos para os autores ou autoras das frases escollidas consistirán en  material de novas tecnoloxías por valor de 100€ cada un.

  • Concurso de microrrelatos en conmemoración do 8 de marzo: “Suprime o control”.

O obxectivo deste concurso é que a poboación adolescente rompa cos mitos e ideas falsas que rodean ao amor romántico e outros comportamentos como os celos ou o control excesivo, e que son vistos como síntomas do amor e non como o posible xerme da problemática da violencia de xénero.

Buscarase coñecer da man dos propios mozos e mozas participantes do Programa as súas preocupacións e puntos de vista sobre a violencia de xénero, as primeiras relacións de parella, o bo trato e o maltrato nos primeiros noivados, etc., traballando sobre un formato de relato curto, e aproveitando de forma transversal para a mellora de competencias relacionadas coa escritura, a redacción ou a revisión do escrito. Esta actividade coordinarase cos centros educativos para traballar en colaboración co profesorado de Lingua galega.

Neste caso, haberá un único premio para o microrrelato seleccionado e será a adaptación da curta ao formato dun guión para a realización dunha CURTAMETRAXE AUDIOVISUAL, no que o autor ou autora interpretará un dos papeis protagonistas xunto co resto da súa clase. Esta curta será producida e editada por DELOGA e terá unha duración máxima de 3 minutos, cuxo resultado será difundido a través do Portal Web do proxecto (www.suprimeocontrol) e das redes sociais vencelladas ao mesmo como unha ferramenta máis para a visibilización do Programa Socioeducativo.

O programa, así como as bases dos concursos, presentarase ao alumnado de cada centro educativo antes de que comece a primeira sesión do obradoiro.

OBRADOIRO 2.0 (Servizo de Asesoría Whatsapp):

Durante o desenvolvemento dos obradoiros empregaranse os teléfonos móbiles ou smartphones como ferramentas educativas.

Coñecedores de que o regulamento de réxime interno dos centros educativos prohibe expresamente o emprego de teléfonos móbiles durante os períodos lectivos nas aulas, solicitarase á Dirección dos centros que se permita o seu emprego durante as sesións de traballo dos Obradoiros. A partir da sesión na que se traballen os contidos sobre comunicación e emprego responsable das novas tecnoloxías, porase a disposición do alumnado un número de teléfono para que funcione ao longo de todo o programa como ASESORÍA 2.0.

Os obxectivos de por en marcha un servizo de Asesoría 2.0 dentro deste programa socioeducativo para a prevención da violencia de xénero son:

  • Ofrecer un punto de asesoramento inmediato e información en liña sobre relacións interpersoais, igualdade, e violencia de xénero.
  • Empregar dun xeito educativo as novas tecnoloxías como canais de comunicación coa mocidade, na unión do educativo e o comunitario.
  • Resolver dúbidas sobre o emprego axeitado das novas tecnoloxías, nun novo espazo de interacción.
  • Emprego dunha canle de comunicación cun uso aceptado e popularizado entre a mocidade, integrado no ?proceso de formación en valores.
  • Fomentar a accesibilidade a contidos educativos e informativos de calidade a través de dispositivos móbiles.

O emprego dunha aplicación como Whatsapp permitirá dar unha resposta inmediata ás consultas e dúbidas achegadas, sen ter que limitar as conversas ao espazo da aula, ou a unha conversa cara a cara cun escritorio de por medio, dunha forma non xerárquica. Este formato de asesoría resulta próximo, anónimo e posibilita a participación. Darase resposta a todas as consultas e dúbidas, garantindo a privacidade dos datos de contacto e das información recibidas.

CHARLAS DE PREVENCIÓN E SENSIBILIZACIÓN DIRIXIDAS ÁS FAMILIAS.

Co obxectivo de fomentar a implicación das familias no traballo de sensibilización e prevención da violencia de xénero entre a mocidade, organizarase en cada concello participante no programa un encontro con formato de mesa redonda. Nestes encontros, cuxa organización está prevista ao longo do 2º e 3º trimestre, buscarase a colaboración do Equipo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado responsable da execución do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar na Provincia da Coruña, presentarase o programa educativo, os seus obxectivos e metodoloxía. Así mesmo, achegarase as primeiras impresións do equipo técnico así como os resultados da investigación inicial.

Para a difusión do programa "Suprime o control" entre a comunidade educativa así como do compromiso da Deputación da Coruña na loita contra a violencia de xénero dende o traballo no ámbito educativo:

  • Creouse a páxina Web "www.suprimeocontrol.com", e habilitouse unha dirección de correo electrónico para a comunicación no marco do programa, info@suprimeocontrol.com. (Neste portal Web difundirase o calendario, información completa do programa, enlaces de interese....)
  • Abríronse perfís en diferentes redes sociais (facebook, Twitter, Instagram...).
  • Deseñáronse e imprimíronse cartaces e dípticos con información do programa.
  • Realizarase un Manual do programa socioeducativo. Despois da realización do conxunto de actividades propostas, realizarase un manual ou guía didáctica de apoio ao profesorado de secundaria na que se recollerá os diferentes enfoques, actividades educativas e dinámicas empregadas durante o Programa, así como outras alternativas, para que poidan continuar o traballo na aula dentro do plan de acción tutorial. Así mesmo, recolleranse todas as orientacións oportunas para o seu axeitado desenvolvemento, así como as referencias a materiais e recursos empregados. O deseño e a maquetación será o dunha guía atractiva, con diferentes imaxes e ilustracións, que faciliten a súa lectura e emprego por parte do profesorado, sempre de acordo coa imaxe e lema contratados.

Concurso Instagram sen machismo

Concurso de microrelatos

PERSOA GAÑADORA

Xián Barreiro Codesido do C.P.I. Fonte Díaz do concello de Touro

RELATO GAÑADOR

"Metamorfose"

"Os vapores do ferro de pasar, o xabrón de fregar os pratos, o mango da vasoira. Deixa de estudar; non fai falla que traballes... Xestos de cariño detrás de miradas celosas e golpes detrás de sorrisos falsos.

Ela xa estaba farta de todo iso; quería ser libre; suprimir o control total; ser forte e voar de novo.

E sabedes que?

Fíxoo.

Entón recoñeceuse de novo diante do espello."

CONCELLO

DATA E LUGAR DE CELEBRACIÓN

Cabana de Bergantiños

18 de abril ás 18.00 horas no C.P.I. As Revoltas

Arzúa

24 de abril ás 16.35 horas no I.E.S. Arzúa

O Pino

24 de abril ás 18.30 horas na Casa da Cultura

Touro

25 de abril ás 16.30 horas no C.P.I. Plurilingüe Fonte Díaz

Vedra

25 de abril ás 18.30 horas no C.P.I. Plurilingüe de Vedra

Mesía e Frades

26 de abril ás 16.15 horas na Casa de Cultura do concello de Mesía

Cerceda

27 de abril ás 16.20 horas na Biblioteca Municipal

Tordoia

27 de abril ás 18.30 horas na Casa da Cultura

Malpica de Bergantiños

2 de maio ás 11.00 horas no I.E.S. Urbano Lugrís

Boimorto

3 de maio ás 16.20 horas no C.P.I. Armando Cotarelo Valledor

Ponteceso

4 de maio ás 12.00 horas no I.E.S. de Ponteceso

Dodro

12 de maio ás 19.00 horas no C.P.I. Plurilingüe Eusebio L. Baleirón